martes, 18 de xuño de 2024

PROXECTO RÍOS 2023/24 (MÚSICA): A MÚSICA DA NATUREZA

No departamento de Música, dentro do marco do Plan Proxecta e centrando este traballo no entorno do Río Pequeno, o eixo de traballo foi a construción de pequenos instrumentos cos que facer música.

Inicialmente realizouse unha recollida de materiais polas marxes do río Pequeno e no seu entorno, na parroquia de Oubiña. Os materiais recollidos polo alumnado participante foron abelás, landras, cocas de carballo, noces e canas.

Nunha segunda sesión, realizada no centro, fíxose unha selección de todo o recollido. O alumnado foi organizando todo por tipos e tamaños, desbotando aqueles elementos que non reunían unhas mínimas condicións para o previsto.

A terceira e última sesión dedicouse á fabricación de instrumentos. Os traballos que se foron desenvolvendo cos distintos elementos foron lixar, baleirar, furar e cortar. Para esta sesión contamos coa colaboración de dous artesá da asociación cultural Xironsa, Isa e Nacho.

Unha vez rematado os distintos instrumentos, todos eles de vento, o alumnado participante foi quen de facer soar o instrumento que el/a mesmo/a acabara de realizar. Coas indicacións do profesorado de música e dos artesáns conseguiron facer diferentes notas musicais e diferentes sons, segundo cada instrumento.

O alumnado participante neste proxecto dende a área de Música, puido comprobar a riqueza de materiais que rodea as marxes dos ríos galegos en xeral, e a do río Pequeno en particular. Froitos que nun principio pasan desapercibidos ou adoitamos velos como refugallo que só serve de lixo ou abono, poden ser usados como materiais cos que construír instrumentos musicais ou xoguetes, tal e como fixeron pasadas xeracións, que moitas veces era a única forma de xogo que tiñan.

Así mesmo, recalcouse a necesidade de reflexionar antes de “mercar” pequenos xoguetes cos que facer música e se non resulta máis viable e pracenteiro realizalos un mesmo, ao tempo que poñemos en valor o concepto da reciclaxe.




Ningún comentario:

Publicar un comentario