venres, 12 de maio de 2023

PLAN REVITALIZA: CHARLA - COLOQUIO "A VOLTAS COA COMPOSTAXE"


O Plan Revitaliza, promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra e como complemento a posta en marcha nos concellos de plans de tratamento biolóxicos de resíduos urbáns, particularmente a compostaxe, oferta aos centros educativos unha serie de actividades, como cursos de formación para o profesorado, charlas, obradoiros e exposicións. 

O noso centro optou por realizar unha charla coloquio, que baixo o epígrafe "A voltas coa compostaxe", que consiste nun achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións), a súa xestión e tratamento, e o proceso de compostaxe da fracción orgánica. Tendo en conta que o Concello de Cambados e o IES Asorey, de xeito máis modesto, participan neste plan de compostaxe, para o cal  existen varios composteiros comunitarios espallados por diferentes parroquias e barrios do territorio municipal, consideramos moi acaído informar ao alumnado desta práctica moi favorecedora da sostibilidade a nivel local, que implica un importante grao de implicación e concienciación da poboación na problemática ambiental, favorecendo unha incorporación dos fogares a este tipo de prácticas desde as xeracións máis novas.

Como relator contamos novamente con Manuel Domínguez, biólogo e educador ambiental con ampla experiencia en programas de concienciación ambiental colaborando con diferentes administracións.