xoves, 29 de xuño de 2023

PROXECTO RÍOS 22/23: XOGOS DE ORIENTACIÓN NA DESEMBOCADURA DO RÍO UMIA

 

Dentro do proxecto Ríos o departamento de Educación Física levou a cabo unha actividade de orientación no medio natural, concretamente na desembocadura do Río Umia nas proximidades do IES Francisco Asorey, con alumnado de 3º ESO.

A actividade en cuestión foi unha tarefa de orientación que consistía en interpretar unha serie de balizas que contiñan información en forma de coordenadas que ao ser descifradas permitirían atopar a baliza que a seguinte. Para levar a cabo a decodificación o alumnado utilizou aparatos móbiles, os que a través da aplicación “googlemaps” puideron avanzar na procura de balizas para realizar o percorrido.

A actividade tivo lugar nas inmediacións do río Umia e o alumnado accedeu ó lugar a través de estradas secundarias que baixan pola ladeira do Monte do Rey. Unha vez nas proximidades do Umia tentouse complicar a búsqueda, para o cal as seguintes balizas farían ó alumnado adentrase cara as zonas de cultivo próximas ó río para rematar de novo ó lado do centro de ensino.

Para evitar o descontrol e desorientación dos participantes, varios profesores/as situáronse en balizas concretas, para comprobar que o alumnado seguía o percorrido prestablecido e ó rematar foron recolléndose os materiais utilizados na actividade para que non quedara ningún residuo no medio natural.




mércores, 28 de xuño de 2023

PROXECTO RÍOS 22/23: AUGA, RECURSO VITAL

 


A auga é recurso vital e imprescindible para a vida, converténdose nunha valiosa ferramenta para analizar as dinámicas socioeconómicas e os desafíos ecolóxicos aos que nos enfrontamos na nosa sociedade actual.

Neste sentido, a illa de Sálvora, un dos principais reclamos da Ría de Arousa e do Parque Nacional das Illas Atlánticas, é un exemplo de paraíso natural con abundantes recursos hídricos. A súa hidrografía variada inclúe ríos, regatos e mananciais, que xogan un papel fundamental na manutención do equilibrio ecolóxico da zona, é dicir, estes recursos hídricos proveen de auga doce aos ecosistemas terrestres e marítimos, ofrecendo un hábitat saudable para a flora e a fauna local.

Non obstante, Sálvora tamén enfronta desafíos asociados coa escaseza de auga. Este problema non é único desta illa galega, senón unha cuestión global que reflicte os patróns de uso e distribución desequilibrados da auga, os cales adoitan estar vencellados ás lóxicas do capitalismo.

Nesta situación, a educación adquire un papel crucial de cara a traballar no concepto de xustiza hídrica e pobreza hídrica. Porén, é necesario que as comunidades locais, as escolas e as institucións promovan unha educación baseada no coidado dos recursos naturais, incluída a auga. Promover a consciencia sobre os impactos das prácticas nocivas e desenvolver solucións sustentables é fundamental para garantir un acceso equitativo á auga.

En conclusión, abordar esta substancial problemática require un enfoque multidimensional de xeito urxente. Traballar colectivamente para garantir un acceso xusto á auga é imprescindible para construír un futuro no que a auga sexa valorada como un ben común para todos os seres vivos.



luns, 26 de xuño de 2023

PROXECTO NATURÉZATE: A MÚSICA DA RECICLAXE


No departamento de Música, dentro do marco do Plan Proxecta, o eixo de traballo foi a reciclaxe.

A actividade central realizouse a partir de bidóns de pintura baleiros, que o alumnado foi conseguindo polos seus medios, para ir ensamblando diferentes ritmos. O alumnado tamén puido explorar as diferentes sonoridades que se obtiñan en función de variables como poden ser a forma de percutir, a zona do bidón na que se golpea coa baqueta, tapado ou sen tapa, ou incluso a temperatura e o entorno no que se executen estas percusións. Amosouse polo tanto a reutilización de obxectos que nun principio eran únicamente lixo e finalmente serviron para crear pezas rítmico-melódicas. Tamén recalcamos a necesidade da reflexión antes de “mercar” novos productos que non son necesarios, volvendo así a un dos fundamentos da reciclaxe.

PROXECTO NATURÉZATE: VISITA AO PARQUE NACIONAL DAS ILLAS ATLÁNTICAS DE GALICIA



O pasado 21 de xullo o alumnado da ESO correspondente a 1º, 2º e 3º ESO participou nunha visita a diferentes espazos do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (PNIAG), concretamente o alumnado de 1º ESO viaxou ata a ílla de Sálvora, o de 2º ESO á illa de Ons e o de 3º ESO ás illas Cíes. No caso de 1º e 2º comezaron a súa travesía desde o porto de Tragove, mentres que a singladura ata Cíes partiu desde Portonovo. 

Na illa de Sálvora, unha vez chegados percorreron as dúas rutas accesibles e autorizadas acompañados por guías acreditados por Parques Nacionais, que conducen ata antiga aldea na que moraban os antigos colonos da illa e ata o faro e a súa contorna.

Na aldea, na que a maior parte das edificacións están actualmente nun estado de ruína, o alumnado puído facerse unha idea de como se desenvolvía a vida dos seus habitantes, que a ocuparon ata finais dos anos 70, arredor das actividades agrícolas e á fábrica de salga, hoxe convertida en museo, aínda que exteriormente garda un aspecto de pazo señorial. A aldea é un magnífico mirador desde o que observar as demais illas e cons que rodean a illa e configuran o arquipélago de Sálvora, como Vionta, Noro ou Sagres. Na ruta do faro é posible sorprenderse ante as caprichosas formas que o tempo e os elementos foron esculpindo nos penedos graníticos. O faro, hoxe automatizado, mantivo a presenza de fareiros ata hai pouco máis dunha década. Como curiosidade comentar que a illa aínda hoxe conserva unha significativa poboación de cabalos salvaxes e cervos, que xunto con outras especies de caza menor foron introducidas ao longo do pasado século polos seus antiguos propietarios, coa intención de explotar a illa como un coto privado de caza.

Na illa de Ons, o alumnado percorreu a ruta que leva ata o faro, desde onde se pode ver unha gran porción da costa das Rías Baixas, xunto coas illas de Sálvora cara o norte e as Cíes cara o sur. A illa de Ons, xunto con Cortegada na Ría de Arousa, é a máis humanizada de todas as que conforman o Parque Nacional, chegando a ter perto de 500 habitantes durante os anos 40 e 50 do século pasado. Aínda hoxe mantén unha presenza permanente dun reducido número de habitantes e actividade de dous establecementos hostaleiros, aos que se unen no período estival os descendentes dos antiguos poboadores que conservan as súas vivendas na illa, xunto con un incontable número de visitantes que diariamente desembarcan na illa para disfrutar das súas praias e rutas por un día ou permanecendo no camping.

En Cíes, o alumnado completou a ruta máís longa das que están sinalizadas, que conduce ao faro no extremo sur da illa ubicado a máis de 170 m de altura sobre o nivel do mar. Esta ruta que serpentea ao longo de máis de 3 Km desde a praia de Rodas entre bosques de eucaliptos, piñeiros e salgueiros, que foron introducidos ao longo do século XX, xa que ata entón non existían na illa masas forestais importantes. Desde o faro pódese admirar unha vista espectacular sobre a vertente occidental da illa, que cos seus cantís contrasta coas praias da beira oposta. 

Nos tres casos, a actividade completouse na súa segunda metade co disfrute das súas praias, complementando a actividade divulgativa da mañán con outras máis lúdicas, pero respetando sempre estes espazos tan singulares.



sábado, 24 de xuño de 2023

PROXECTO RÍOS 22/23: OS RÍOS COMO INSPIRACIÓN LITERARIA


No terceiro trimestre propuxemos nas aulas de Lingua Galega, como parte avaliable e puntuable, a elaboración de creacións propias partindo de manifestacións literarias e/ou lingüísticas que forman parte da nosa tradición cultural. Propúxose que, nalgúns casos, tivesen como elemento a destacar a existencia e relevancia dos ríos galegos.

Velaquí algúnha destas aportacións do alumnado:

  • Sara Domínguez Fernández -1º ESO C
  • Manuel Fernández Fernández -1º ESO C 

Os Ríos

Os ríos, fontes de vida,
moita auga nos dan.
Os ríos, fontes de vida,
grandes fronteiras fan.

Os ríos, fontes de vida,
en moitos deportes importantes están.
Os ríos, fontes de vida,
parte da nosa vida son.

  • Lucas Lores Paz -1º ESO C
  • Yoel Torrado Piñeiro -1º ESO C 

Os Ríos

En Galicia hai moitos ríos
que se enredan coma fíos.
Hai tanta auga
que nas presas sempre hai fugas.

Os ríos son fermosos
e algúns tamén perigosos.
Alí báñanse moitos,
altos ou baixos ou enxoitos.

  • Ramiro Lorenzo Domínguez -1º ESO C
O meu río

O meu río é grande,
o meu río é azul e caudaloso.
Se non o coñeces,
ven comigo que cho amoso.

O río é o Miño,
un dos mellores,
onde hai
moitos nadadores
que sucaron mares maiores.

PROXECTO RÍOS 22/23: COÑECER GALICIA, OS SEUS RÍOS, REGATOS E A DEL RIEGO


Dende o equipo da Biblioteca e coa participación dos Departamentos de Lingua Galega e Literatura, Bioloxía, CCSS e Electrónica, presentamos estes podcasts para lembrar a forza e o valor da auga que nos proporcionan os ríos e mananciais esparexidos por todo o territorio da Galiza. Son parte fundamental do noso ecosistema e son un valor a preservar para que sigan alimentándonos de vida e significado.

Con este fin e tamén para homenaxear a figura do intelectual galeguista Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas deste ano 2023, recollemos fragmentos do seu libro de viaxes titulado Galicia. Recollemos anacos que falan do percorrido e da existencia dos ríos galegos
que, sinuosamente, mergullan ao lector e ao camiñante na transparencia das súas augas. O percorrido vén marcado, segundo os nosos podcasts, polo azar, polo azar dun xogo de dados que nos encamiñan ao fragmento e ao río ao que nos imos aproximar. Queriamos facer, a modo de xogo, un roteiro por Galicia a través da auga dos ríos que a conforman e puxemos voz a anacos destes relatos de Del Riego.

Relación do alumnado participante:
  • Clara González Pardo (1º ESO B)
  • Aroa Abal Caneda (1º ESO B)
  • Alicia Costa Trigo (1º ESO A)
Relación do profesorado participante:
  • Alberto Nogueira Varela
  • Rocío Fondevila Crespo
  • Aurora Souto Marcos

PROXECTO RÍOS 22/23: CONTROL ECOLÓXICO DO RÍO PEQUENO


No outono e na primaveira deste curso eScolar realizamos desde o noso centro un control sobre os parámetros biolóxicos e físicoquímicos do Río Pequeno para coñecer o seu estado de calidade ambienta que, segundo semella, é aceptable. Alumnado de secundaria foi o encargado de realizar este control co apoio do profesorado de Bioloxía e Física e Química. A temperatura, velocidade da corrente, turbidez das augas e pH foron os parámetros estudiados, así como a presenza de fauna de macroinvertebrados de auga doce e o estado botánico das beiras fluviais. Cada día imos coñecendo mellor a situación do noso río e agardamos que a nosa labor dea un bo resultado para impedir o deterioro das súas augas.









venres, 23 de xuño de 2023

PROXECTO NATURÉZATE: ROSALÍA DE CASTRO E A PAISAXE GALEGA

 


Un curso máis procuramos dende o currículo da materia Lingua Galega e Literatura achegar o medio natural ás alumnas e alumnos de maneira real. Nesta ocasión crin necesario facelos ver, mirar, observar, desfrutar, vivir, admirar, a súa contorna, a súa natureza, a súa paisaxe. E tamén, como causa ou consecuencia, recordarlles á rapazada o seu coidado, o seu respecto e a importancia do futuro que gardan todos eses elementos que nos rodean.


É doado atopar na literatura perspectivas de case todos os temas. E dentro do gran abano do medio natural, quería centrar o proxecto na  revisión, coñecemento e observación da paisaxe máis próxima a cada rapaza e rapaz. Deste xeito, a opción que desenvolvemos foi darlle imaxes ós versos da nosa autora máis universal: Rosalía de Castro. Pertence ó temario histórico de 3ºESO e posúe versos sobre a natureza e a paisaxe ben coñecidos por moita xente. Con este traballo buscabamos coñecer ben o medio natural, a paisaxe máis próxima, e exemplificar vivamente aquilo que lemos e estudamos a través desta autora.


A profesora seleccionou poemas de Cantares gallegos e Follas novas que tiveran como fondo ou como tema central a natureza. O traballo das alumnas e alumnos comezou pola comprensión dos seus versos e a busca do vocabulario descoñecido, algunha vez relacionado co tema que nos interesaba (veiga, amoriña…). E logo pediuselles que lles desen vida a eses versos coa paisaxe que os rodea, que a buscasen ó seu arredor e a plasmasen en fotogarfías.


A paisaxe que quería ver representada era a dos concellos de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa, nos que eles e elas conviven. Deste xeito aparecen fotografados lugares como as telleiras de Castrelo, cons de San Tomé, distintos tramos do río Umia ou Armenteira, praias ou areais de Cambados, a ribeira de Castrelo, muíños de río e da seca, …

Nas conclusións que deron a cadanseu traballo, as alumnas e alumnos comentaron ter desfrutado co traballo, vendo o que lles ensinaba outro compañeiro ou preguntando nas súas familias, e paseando para lograr boas fotografías. E algunhas desas imaxes que serven como documentación do proxecto poden ser:




PROXECTO NATURÉZATE 22/23: ACHEGAMENTO AO ESPAZO NATURAL UMIA - O GROVE DESDE O PROXECTO COMPETENCIAL


Dende a materia de proxecto competencial de 1o da ESO (carga lectiva de 1 hora á semana) traballamos os contidos deste curso tendo como fío condutor o Complexo natural Ons - Grove.

1ª Avaliación


Por parellas escolleron unha materia do currículo e relacionárona co Complexo natural Ons - Grove.

Exemplos disto son:

  • Matemáticas: lonxitude de praias, altura de elevacións terrestres, densidade de poboación...
  • Xeografía: elementos da paisaxe como praias, ríos, enseadas, ...
  • Bioloxía: diferentes reinos dentro do complexo
  • Educación Física


2ª Avaliación

Afondamos na relación das materias de Bioloxía e Xeografía

  • Bioloxía: investigaron a biodiversidade de fauna e flora, tanto terrestre como acuática do complexo natural Ons - O Grove
  • Xeografía: descubrir que praias, ríos, illas e demais elementos da paisaxe natural hai no complexo.

3ª avaliación


Afondamos na relación das materias de Educación física e Educación Plástica e Visual

  • Educación física: actividades físicas no medio natural que se poidan facer no complexo como por exemplo: sendeirismo, kayak, surf, escalada, BTT, ...
  • Educación Plástica e Visual: mediante a realización dunha maqueta da zona.

Como actividades complementarias fixemos 2 saídas no mes de maio: paseo pola desembocadura do Umia e surf na Lanzada.

Lucía Ferreiro





PROXECTO NATURÉZATE 22/23: ROTEIRO MATEMÁTICO (PAISAXÍSTICO - AMBIENTAL - HISTÓRICO - SOCIAL



Percorremos Cambados cos alumnos/as apreciando coa mirada artística, a súa beleza paisaxística e medioambiental; coa mirada das ciencias exactas, descubrimos as matemáticas agochadas nos seus anos de historia.




PROXECTO RÍOS 22/23: ANÁLISE DA CALIDADE DE AUGAS DO RÍO UMIA

O alumnado da materia de Cultura Científica de 1º BAC participou no Proxecto Ríos elaborando un traballo sobre a calidade de augas do río Umia.

O proxecto deste ano  consistiu en recoller mostras da auga do río  Umia para medir a súa salinidade e outros parámetros. A  primeira mostra recolleuse xusto  na desembocadura do río  e a segunda un quilómetro  augas arriba de dita desembocadura.

En primeiro lugar,  elaboráronse unhas táboas para gardar os datos, marcando  que parámetros se querían medir. Ese mesmo día, planificamos a saída ao río.

Datos da toma de mostra

Data: 12/02/2023

Hora: 11:15 

Marea: Baixamar ás 10:07 h

Procedemento

  1. Preparación da mostra para a cristalización: Filtranse 200 ml da mostra e deixase reposar varios días nun cristalizador ata que se evapora toda a auga e quedan os cristais de sal.
  2. Medida do pH, conductividade e temperatura das mostras.
  3. Pesada da cantidade de sal obtida nos 200 ml de auga cristalizados.

Conclusión

Para finalizar este traballo, comentaremos os resultados obtidos despois  dos tres meses que abarcou este proxecto. Salientar que as mostras foron tomadas coincidindo coa subida da marea.

En primeiro lugar, falaremos da temperatura, que en ambos puntos  (separados por un quilómetro) era bastante similar: no primeiro punto  tiña no momento da recollida 13ºC e a segunda 14ºC.

En segundo lugar, a condutividade: a primeira mostra tiña 2´300 mS e a  segunda, 2´002 mS.

Ambas tiñan pH 5 e por último a salinidade, o dato que máis se  diferencia: a primeira mostra tiña 18 g/l e a segunda, 12 g/l. 

Se partimos de que a salinidade media das rías galegas é aproximadamente 35g/l podemos concluir que o aporte de agua doce as rías, na desembocadura dos ríos,  fai diminuír a salinidade das mesmas, esto pode provocar efectos negativos sobre o ecosistema das rías.

Podedes visualizar as fases aqui descritas nunha presentación neste enlace.


PROXECTO NATURÉZATE 2022/23: ANÁLISE GRANULOMÉTRICO DUNHA MOSTRA DE SUBSTRATO


Co Departamento de Física e Química o alumnado  da ESO participante, aprendeu a realizar a separación granulométrica dun substrato utilizando diferente metodoloxía segundo o tamaño do mesmo. Iniciouse o proceso coa utilización dunha batería de tamices de tamaño decrecente para, de seguido, coas partículas de menor tamaño utilizar técnicas de precipitación e filtrado posterior. Este mesmo procedemento utilizaríase posteriormente para aprender a realizar estudos dos ecosistemas terrestres centrándose no coñecemento da técnica axeitada para definir as características granulométricas dos substratos.