venres, 23 de xuño de 2023

PROXECTO NATURÉZATE: ROSALÍA DE CASTRO E A PAISAXE GALEGA

 


Un curso máis procuramos dende o currículo da materia Lingua Galega e Literatura achegar o medio natural ás alumnas e alumnos de maneira real. Nesta ocasión crin necesario facelos ver, mirar, observar, desfrutar, vivir, admirar, a súa contorna, a súa natureza, a súa paisaxe. E tamén, como causa ou consecuencia, recordarlles á rapazada o seu coidado, o seu respecto e a importancia do futuro que gardan todos eses elementos que nos rodean.


É doado atopar na literatura perspectivas de case todos os temas. E dentro do gran abano do medio natural, quería centrar o proxecto na  revisión, coñecemento e observación da paisaxe máis próxima a cada rapaza e rapaz. Deste xeito, a opción que desenvolvemos foi darlle imaxes ós versos da nosa autora máis universal: Rosalía de Castro. Pertence ó temario histórico de 3ºESO e posúe versos sobre a natureza e a paisaxe ben coñecidos por moita xente. Con este traballo buscabamos coñecer ben o medio natural, a paisaxe máis próxima, e exemplificar vivamente aquilo que lemos e estudamos a través desta autora.


A profesora seleccionou poemas de Cantares gallegos e Follas novas que tiveran como fondo ou como tema central a natureza. O traballo das alumnas e alumnos comezou pola comprensión dos seus versos e a busca do vocabulario descoñecido, algunha vez relacionado co tema que nos interesaba (veiga, amoriña…). E logo pediuselles que lles desen vida a eses versos coa paisaxe que os rodea, que a buscasen ó seu arredor e a plasmasen en fotogarfías.


A paisaxe que quería ver representada era a dos concellos de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa, nos que eles e elas conviven. Deste xeito aparecen fotografados lugares como as telleiras de Castrelo, cons de San Tomé, distintos tramos do río Umia ou Armenteira, praias ou areais de Cambados, a ribeira de Castrelo, muíños de río e da seca, …

Nas conclusións que deron a cadanseu traballo, as alumnas e alumnos comentaron ter desfrutado co traballo, vendo o que lles ensinaba outro compañeiro ou preguntando nas súas familias, e paseando para lograr boas fotografías. E algunhas desas imaxes que serven como documentación do proxecto poden ser:




Ningún comentario:

Publicar un comentario