venres, 14 de xaneiro de 2022

Unha nova fiestra

 



Desde o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do IES Francisco Asorey levamos anos incorporando ferramentas dixitais para publicar o traballo do alumnado e profesorado do centro na práctica educativa, así como divulgar as actividades levadas a cabo tanto nas instalacións do centro como no exterior.

Deste xeito, desde hai anos comezamos a empregar os blogs de aula, a través do programa de educación ambiental Climántica, na que o alumnado elaboraba os seus traballos nun entorno que permitía a incorporación de elementos multimedia, como imaxes, vídeos ou presentacións, o que facilitaba a realización de traballos que iban máis alá dun simple documento de texto ou unha proba escrita. Nesa mesma liña hai uns anos continuamos co lanzamento dunha revista dixital, A Buxaina, na que con periodicidade mensual publicábanse artigos elaborados por alumnado e profesorado no ámbito das ciencias, ao tempo que se creaba unha canle no portal YouTube no que se amosaban vídeos de diferentes experiencias educativas realizadas no centro. 

Hoxe tratamos de dar continuidade a esa liña de traballo incorporando esta ferramenta dentro da plataforma blogger, a través da cal pretendemos divulgar as actividades desenvolvidas polo departamento dentro da súa actividade didáctica, conferindo así transparencia ao noso traballo.

En datas sucesivas iremos incorporando unha serie de entradas coas que daremos cumprida información da nosa participación en diferentes programas educativos e de concienciación ambiental, así como diferentes activadades da nosa práctica educativa habitual no noso centro.

Esperamos contar coa vosa atención.