mércores, 22 de xuño de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: VISITA Á ILLA DE ONS


O pasado día 13 de xuño de 2022 realizamos unha visita con alumnado de 2º e 3º de ESO a illa de Ons, dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, único espazo natural de Galicia pertencente a rede de Parques Nacionais de España. Comezamos a viaxe no porto de Tragove, e despois dunha travesía de unha hora e 20 minutos atracabamos no peirao de Ons. Desde este punto dividímonos en dous grupos para facer sendas rutas dentro do territorio insular, por unha banda o alumnado de 3º de ESO transitaron pola ruta do sur da illa, que conduce ata o mirador de Punta Fedorentos e ao Burato do Inferno, e pola outra o alumnado de 2º de ESO fixeron a ruta norte, que conduce ata a praia de Melide, regresando polo Faro que coroa esta illa. En conxunto, case 150 alumnos e alumnas acompañados de 8 profesores.


Hai máis de 10.000 anos, durante a última glaciación, o arquipélago de Ons, xunto co de Cíes, formaba parte dunha cadea montañosa que daquela formaba parte do continente, xa que o nivel do mar estaba daquela máis de 100 metros por debaixo do actual. O quecemento que seguiu á finalización deste período glaciar, que abarcou máis de 100.000 anos, trouxo consigo un progresivo e inexorable desxeo que foi provocando a invasión dos continentes por parte das augas oceánicas, anegándose deste xeito os vales costeiros e conformando a actual liña de costa, na que se alternan as rías con elevacións montañosas que definen o noso litoral.

Dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, a illa de Ons foi a que chegou a concentrar un maior tamaño de poboación humana, e a que o mantivo durante máis tempo. Na actualidade son moitas as familias que seguen a manter o vencello coa illa, mantendo as súas vivendas habitables, se ben son poucos os que permanecen durante todo o ano.

As Illas Atlánticas proporcionan un inmellorable hábitat para aves acuáticas, representando unha das maiores concentracións de especies como gaivota ou corvo mariño de toda Europa. Nelas podemos admirar ecosistemas costeiros tanto rochosos como dunares nun estado de conservación excepcional, sen ben son moi fráxiles, polo que precisan dun elevado nivel de protección, que non resulta incompatible con actividades pesqueiras sostibles no seu entorno, xa que os maiores valores deste espazo natural atópanse baixo as augas que circundan estas illas.



martes, 14 de xuño de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: ITINERARIO XEOLÓXICO MONTALBO - A LANZADA


Como inicio ao proxecto NATURÉZATE durante o presente curso, no mes de novembro realizouse un itinerario con alumnado de ESO entre a praia de Montalbo e a praia de A Lanzada, que transcorría en gran parte dentro do LIC Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, Lagoa Bodeira e Punta Carreirón, que forma parte dos espazos naturais galegos da Rede Natura 2000.


Comezabamos a visita no extremo norte da praia de Montalbo, a vista do seu complexo sistema dunar que se adentra varios centros de metros da liña de preamar, interrompido polo trazado da estrada PO-308. Neste punto podemos estudar, incluso camiñar, sobre un pregamento anticlinal de inmersión no que podemos identificar os seus elementos, previamente tratados en aula, como a charneira, flancos, plano axial ou eixo. A litoloxía desta área e de tipo metamórfico con abundancia de minerais de tonalidades escuras ricos en ferro que, sometidos aos axentes xeolóxicos externos, orixinan areas negras que se depositan na propia praia sendo especialmente visibles no seu extremo superior, máis achegado a terra. Parte destas areas negras conteñen magnetita, que poden ser separadas facilmente con un imán.


Seguindo un sendeiro costeiro chegamos ata a Punta Montalbo, en contraste coa anterior, unha zona de costa rochosa con cantís de decenas de metros. A baixamar fixo accesible achegarnos ata o pé deste cantil, o que nos permitiu observar as furnas escavadas pola acción das ondas en favor das numerosas fracturas que atravesan as rochas desta zona. Ademais, este punto ofrécenos unha visión excepcional dun dos mellores exemplos de sucesión de pregamentos que se poden ver na costa galega.



A seguinte parada levounos á praia da Fontenla, na que atopámonos con unhas formacións sedimentarias de tipo aluvial, entre as que destacan uns conglomerados cementados por unha matriz areosa e óxidos de ferro. Neste punto tamén podemos observar a base socavada dun antigo cantil, que actualmente está significativamente por riba do nivel do mar, o que pon de manifesto as súas variacións ao longo da historia xeolóxica da zona.


Rematamos na punta da Lanzada, ao abrigo da ermida e baixamos ás praias que a flanquean, Foxos polo sur e Area Gorda polo norte. Este punto coincide coa zona de contacto entre as rochas metamórficas e os granitoides do Batolito de Caldas, de formación máis recente (arredor de 185 millóns de anos) a partir dun  magma, que procedente de zonas profundas da codia, asentouse desprazando as rochas que ocupaban esta zona daquela. A erosión posterior durante millóns de anos deixou todo esta formación ao descuberto en superficie. A Punta da Lanzada ofrécenos un bo punto de observación da Punta da Lapa, un perfecto exemplo do modelado granítico tan propio da nosa zona, caracterizado pola superposición de fracturas máis ou menos perpendiculares, en favor das cales a meteorización e erosión dos granitos deu lugar á formación de grandes bolos graníticos en varios niveis. 



luns, 13 de xuño de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: VISITA AO ESPAZO NATURAL DA COSTA DA VELA



A Costa da Vela está situada no extremo occidental da península do Morrazo, comprendida entre a Punta de Couso e a enseada de Barra, incluíndo o emblemático Cabo Home, Punta Robaleira e a Praia de Melide.

Este espazo natural foi declarado Lugar de Interés Comunitario (LIC) e Zona de Especial Conservación (ZEC), dentro da rede europea de espazos naturais Rede Natura 2000.

O pasado 13 de maio realizamos unha visita a este espazo a través dun roteiro que comezou na aldea de Donón, desde onde subimos ao monte do Facho, onde se ubica o asentamento castrexo de Beróbriga, obxecto de excavación que deixou ao descoberto un gran número de edificacións. Este asentamento tiña unha finalidade ritual e relixiosa, máis que residencial, xa que este lugar xa era un lugar de culto e peregrinación desde antes da romanización, práctica que continuou ata o século IV d. C. No seu punto máis alto atópase unha garita construída no século XVIII, que formaba parte do sistema de vixiancia da costa española en previsión de posibles ataques ou invasións por parte de potencias inimigas.


Este punto, situado a máis de 160 metros de altura sobre un afloramento granítico, é un dos mellor situados para avistar desde terra a franxa atlántica da costa galega, abarcando desde Fisterra, en días con boa visibilidade, ata cabo Silleiro en Baiona, pero sen dúbidas é o mellor lugar desde o que admirar as Illas Cíes, moi próximas, así como os arquipélagos de Ons e Sálvora, que xunto con Salvora, no interior da Ría de Arousa, constitúen o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.


Desde o Facho volvemos polos nosos pasos ata Donón e continuamos ata o Cabo Home, seguindo un sendeiro ben sinalizado e cómodo ao longo de varios quilómetros sobre os cantís orientados ao Atlántico. Desde o faro de Cabo Home, en realidade un sinal marítimo que aliñado con outro similar en Punta Subrido marca aos navegantes á ruta de aproximación á boca norte da Ría de Vigo. Desde este punto obsérvase un marcado cambio da litoloxía, neste caso rochas metamórficas que presentan un complexo sistema de fracturas, nas cales a erosión do mar escavou profundas furnas, nas que derrubes posteriores crearon arcos sobre a mesma liña de costa.


Xa moi cerca de Cabo Home, proseguimos ata Punta Robaleira, onde se atopa outro sinal marítimo que marca o extremo norte da Ría de Vigo, e finalmente ata a praia de Melide, un dos mellores areais do noso litoral nun estado practicamente salvaxe e inalterado, que conta con un extenso espazo dunar que se prolonga cara o interior cuberto de piñeiros.


Neste punto tivemos un merecido descanso, momento para comer e tempo de lecer, disfrutando dunha tarde de praia facendo compatible o disfrute co respecto ao medio natural.