martes, 14 de xuño de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: ITINERARIO XEOLÓXICO MONTALBO - A LANZADA


Como inicio ao proxecto NATURÉZATE durante o presente curso, no mes de novembro realizouse un itinerario con alumnado de ESO entre a praia de Montalbo e a praia de A Lanzada, que transcorría en gran parte dentro do LIC Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, Lagoa Bodeira e Punta Carreirón, que forma parte dos espazos naturais galegos da Rede Natura 2000.


Comezabamos a visita no extremo norte da praia de Montalbo, a vista do seu complexo sistema dunar que se adentra varios centros de metros da liña de preamar, interrompido polo trazado da estrada PO-308. Neste punto podemos estudar, incluso camiñar, sobre un pregamento anticlinal de inmersión no que podemos identificar os seus elementos, previamente tratados en aula, como a charneira, flancos, plano axial ou eixo. A litoloxía desta área e de tipo metamórfico con abundancia de minerais de tonalidades escuras ricos en ferro que, sometidos aos axentes xeolóxicos externos, orixinan areas negras que se depositan na propia praia sendo especialmente visibles no seu extremo superior, máis achegado a terra. Parte destas areas negras conteñen magnetita, que poden ser separadas facilmente con un imán.


Seguindo un sendeiro costeiro chegamos ata a Punta Montalbo, en contraste coa anterior, unha zona de costa rochosa con cantís de decenas de metros. A baixamar fixo accesible achegarnos ata o pé deste cantil, o que nos permitiu observar as furnas escavadas pola acción das ondas en favor das numerosas fracturas que atravesan as rochas desta zona. Ademais, este punto ofrécenos unha visión excepcional dun dos mellores exemplos de sucesión de pregamentos que se poden ver na costa galega.



A seguinte parada levounos á praia da Fontenla, na que atopámonos con unhas formacións sedimentarias de tipo aluvial, entre as que destacan uns conglomerados cementados por unha matriz areosa e óxidos de ferro. Neste punto tamén podemos observar a base socavada dun antigo cantil, que actualmente está significativamente por riba do nivel do mar, o que pon de manifesto as súas variacións ao longo da historia xeolóxica da zona.


Rematamos na punta da Lanzada, ao abrigo da ermida e baixamos ás praias que a flanquean, Foxos polo sur e Area Gorda polo norte. Este punto coincide coa zona de contacto entre as rochas metamórficas e os granitoides do Batolito de Caldas, de formación máis recente (arredor de 185 millóns de anos) a partir dun  magma, que procedente de zonas profundas da codia, asentouse desprazando as rochas que ocupaban esta zona daquela. A erosión posterior durante millóns de anos deixou todo esta formación ao descuberto en superficie. A Punta da Lanzada ofrécenos un bo punto de observación da Punta da Lapa, un perfecto exemplo do modelado granítico tan propio da nosa zona, caracterizado pola superposición de fracturas máis ou menos perpendiculares, en favor das cales a meteorización e erosión dos granitos deu lugar á formación de grandes bolos graníticos en varios niveis. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario