mércores, 22 de xuño de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: VISITA Á ILLA DE ONS


O pasado día 13 de xuño de 2022 realizamos unha visita con alumnado de 2º e 3º de ESO a illa de Ons, dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, único espazo natural de Galicia pertencente a rede de Parques Nacionais de España. Comezamos a viaxe no porto de Tragove, e despois dunha travesía de unha hora e 20 minutos atracabamos no peirao de Ons. Desde este punto dividímonos en dous grupos para facer sendas rutas dentro do territorio insular, por unha banda o alumnado de 3º de ESO transitaron pola ruta do sur da illa, que conduce ata o mirador de Punta Fedorentos e ao Burato do Inferno, e pola outra o alumnado de 2º de ESO fixeron a ruta norte, que conduce ata a praia de Melide, regresando polo Faro que coroa esta illa. En conxunto, case 150 alumnos e alumnas acompañados de 8 profesores.


Hai máis de 10.000 anos, durante a última glaciación, o arquipélago de Ons, xunto co de Cíes, formaba parte dunha cadea montañosa que daquela formaba parte do continente, xa que o nivel do mar estaba daquela máis de 100 metros por debaixo do actual. O quecemento que seguiu á finalización deste período glaciar, que abarcou máis de 100.000 anos, trouxo consigo un progresivo e inexorable desxeo que foi provocando a invasión dos continentes por parte das augas oceánicas, anegándose deste xeito os vales costeiros e conformando a actual liña de costa, na que se alternan as rías con elevacións montañosas que definen o noso litoral.

Dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, a illa de Ons foi a que chegou a concentrar un maior tamaño de poboación humana, e a que o mantivo durante máis tempo. Na actualidade son moitas as familias que seguen a manter o vencello coa illa, mantendo as súas vivendas habitables, se ben son poucos os que permanecen durante todo o ano.

As Illas Atlánticas proporcionan un inmellorable hábitat para aves acuáticas, representando unha das maiores concentracións de especies como gaivota ou corvo mariño de toda Europa. Nelas podemos admirar ecosistemas costeiros tanto rochosos como dunares nun estado de conservación excepcional, sen ben son moi fráxiles, polo que precisan dun elevado nivel de protección, que non resulta incompatible con actividades pesqueiras sostibles no seu entorno, xa que os maiores valores deste espazo natural atópanse baixo as augas que circundan estas illas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario