martes, 31 de maio de 2022

PROXECTO RÍOS: APROVEITAMENTO LÚDICO DAS ÁREAS FLUVIAIS


Saída do Departamento de Educación Física ó Encoro do Pontillón, con tódolos grupos de 1º ESO para realizar unha actividade lúdica para a formación e aprendizaxe da navegación fluvial en canoa. Actividade realizada no mes de maio en Verducido (Pontevedra).




venres, 27 de maio de 2022

Proxecto Ríos: Auga e Música

 


O departamento de música do IES Francisco Asorey colaborou este ano no proxecto Ríos co título "Auga e música" co alumnado de 1º ESO na asignatura Obradoiro musical.

A idea de colaborar cun tema de tanta relevancia como é o de concienciar no coidado e respecto ao medio ambiente,e máis concretamente cun uso e tratamento responsable dese ben vital como é a auga pareceunos moi interesante,absolutamente necesario e un pequeno reto de como sacar adiante todo o que puidera ir xurdindo.

Iniciamos unha treboada de ideas da que xurdiron cousas moi orixinais,outras irrealizables,pseudoproxectos que foron quedando polo camiño... finalmente optamos ( optou a profesora,mellor dito ) por cantar, actividade que non desenvolveramos no curso e que acaía moi ben  co traballo da auga.
Enchemos un cartafol de cancións de todos os estilos imaxinables arredor do tema auga e mar.


Unha idea que manexei todo o tempo foi que a canción escollida non fora actual e sí servira coma homenaxe a todas as mulleres,nais,fillas e avoas de Cambados que tanto e tanto lle deben ao mar.

O máis lóxico sería ter cantado algo da nosa terra e na nosa lingua pero pareceunos tamén simpático a idea máis orixinal de facelo en italiano como lembranza á variedade idiomática na radio na época das nosas avoas e nais, cando escoitar cancións en francés e italiano era algo normal... Gino Paoli e "Sapore di sale" ( Sabor a sal ) cumpriu todos os requisitos.

Pasámolo moi ben realizando o video que aquí se presenta e coido que iso se nota. Foi moi satisfactoria a actitude dos rapaces e rapazas e agardemos que isto sexa o inicio dunha boa amizade entre disciplinas só aparentemente diferentes.


 

xoves, 26 de maio de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: ESTUDO GRANULOMÉTRICO DO SUSTRATO DO BANCO MARISQUEIRO DO SERRIDO



Na saída previa do Departamento de Física e Química co alumnado, ó Espazo Natural, concretamente ó banco marisqueiro do Serrido, en Cambados, diferentes equipos foron recollendo mostras de susbstrato areoso que se trasladaron no interior de bolsas de plástico. Elixíronse lugares (estacións) diferentes en función das correntes que son as que determinarán o tamaño de gran.


No laboratorio foron utilizados baterías de tamices de diferente tamaño de gran (desde os de gran tamaño ós máis pequenos) para ir separando os sedimento en función do tamaño por vibración (peneirado).
Para o estudo das partículas máis pequenas recurriuse á preparación de disolucións e a conseguinte decantación en función da densidade do gran que nos permitiu obter o tamaño limo e arxilla.
Finalmente coa participación do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, procedeuse a identificación da orixe mineralóxica (cuarzos, feldespatos, restos de cunchas, micas e metais pesados) dos sedimentos coa utilización de lupas binoculares.


martes, 24 de maio de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: LINGUA E PAISAXE


Dende os contidos e currículo da materia de Lingua Galega e Literatura non resultaba complexo achegármonos ás propostas do “Proxecto Naturézate”; podiamos traballar co alumnado de diferentes maneiras, dende a lingua e dende a literatura. E finalmente, esta última foi a vía que a profesora dos cursos implicados decidiu desenvolver: crear textos literarios que  nos levaran tamén á paisaxe do río e da ría.

O nivel co que se traballou foi 4º da ESO. No currículo do 2º trimestre analízase a poesía e os autores chamados “de preguerra”, que seguen tendencias como o vangardismo, o paisaxismo ou o neotrobadorismo. E vimos que estes temas e visións artísticas permitían recrear perfectamente tamén a paisaxe, fauna, clima, flora, ou toponimia, que rodea a estas alumnas e alumnos e que os vincula día a día coa ría e co mar que forma parte do noso Espazo Natural.


Comezamos por analizar o tema literario e artístico, pero fomos vendo imaxes e incorporando tamén a revisión de léxico, vocabulario relacionado coa paisaxe, que lle ía dando nome máis técnico ó que vemos cada día. Neste apartado espertou o interese de alumnado e profesora un volume de edición local no que se recollían os nomes de todos os axentes  físicos que forman e funcionan na desembocadura do río Umia. Vimos como cada areal, con, parte do mar, rochedo (O Xibeiro, A Xironsa, Lombo Branco, Bico da Ran, O Beiró, As Londreiras, Porto do Sol, O Varal…) tiña o seu vello nome, síntoma da importancia que cada unha desas partes ten na vida das mulleres e homes de Cambados.

Os poemas que nos ían servir de axuda aparecen nos poemarios Nao senlleira de Fermín Bouza Brey,  Proel de Amado Carballo, Dona do corpo delgado, Mar ao norde e Cantiga nova que se chama riveira de Álvaro Cunqueiro.


Os grupos de traballo tiñan xa as bases literarias, léxicas e a visión da ecoloxía que pretendiamos amosar, agora dende a poesía. Daquela chegou o momento de crear poesía inspirada nos poemas estudados, con formas chamativas e diferentes, e co pretexto da paisaxe que rodea boa parte de Cambados: do mar e do río.

E así, presentando versos propios, cunha imaxe diferente, con palabras e temas da comunidade, pechabamos o noso ciclo, o ciclo dos ríos en Cambados.

domingo, 22 de maio de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: ANALISE ESTATÍSTICO DO TAMAÑOS DAS CUNCHAS DE BERBERECHO



Cun grupo de alumnos/as de 4º da ESO, que cursan as Matemáticas Académicas do IES “Francisco Asorey” de Cambados, dirixímonos, equipados con regras, cuadernos e lápices, á praia de Santo Tomé en Cambados para realizar o seguinte estudo estatístico: 

Medición das cunchas de berberecho do Serrido. O proceso, as ferramentas, a metodoloxía e os resultados obtidos descríbense no seguinte documento que se adxunta a continuación.


PROXECTO NATURÉZATE: VISITA Á PRAIA DO SARRIDO

Nos días 20 e 21 de abril tiveron lugar as saídas á “Praia do Sarrido”, en Cambados, guiados pola asociación Guimatur dos catro cursos de 4º da ESO do IES Francisco Asorey, un total de preto de 80 alumnos que, si ben manteñen nalgúns casos intensos vencellos co mar, noutros comeza a observarse que, pese á proximidade do medio, existe un certo descoñecemento do mundo do mar, o que podemos considerar coma o inicio dunha auténtica “fenda” sociolóxica polo descoñecemento por parte das xeracións máis xoves sobre este sector historicamente tan ligado ca sociedade do pobo.


Neste contexto, a asociación Guimatur desenvolve a súa labor dando a coñecer a cultura tradicional e artesanal mariñeira, promovendo as actividades vencelladas ó mar e promocionando os produtos marisqueiros nun entorno que comprende o complexo intermareal Umia-O Grove.

Así pois, a actividade en si consistiu en coñecer os métodos de extracción de moluscos (ameixa, berberecho) e poliquetos, os utensilios utilizados e as principais especies explotadas e, xa no eido do propio sistema de extracción,  da necesidade de respectar as tallas mínimas legais para a preservación dos recursos.


Ó mesmo tempo, o alumnado aprendeu a importancia do traballo colectivo das mulleres e homes do marisqueo a pé e que están representadas polas labores de resembrado de cría de ameixa, os traballos de limpeza e de vixilancia das explotacións. 


PROXECTO RÍOS: ACHEGÁNDONOS AO ECOSISTEMA FLUVIAL



A nosa primeira visita de traballo ó Río Pequeno, no mes de outubro, foi moi produtiva. Contamos coa presenza dun monitor de Adega e foi coordinada por profesorado de Bioloxía e Física e Química do noso centro. Resultou unha actividade impactante para o noso alumnado, que non está afeito ó contacto coa natureza máis viva, aínda que a contorna na que experimentamos forme parte do seu medio habitual. Resultou unha actividade atractiva e interesante e o primeiro contacto cun ecosistema que acabará por ser ben coñecido e valorada a súa importancia para o ser humano.












Iniciando o Proxecto Ríos


 A elección do Río Pequeno, afluente do Río Umia, como obxecto do traballo do centro requiriu dunha saída previa co alumnado coa finalidade da elección dun tramo axeitado para realizar para realizar os nosos controis anuais. Este regato transcorre especialmente polo núcleo rural de Oubiña e non resultou doada a elección da nosa base de futuro traballo. Finalmente decidimos un lugar de inspección nunha das poucas zonas con doado acceso á lámina de auga e que á vez presenta unha beira axeitada para a utilización do material de traballo.