domingo, 22 de maio de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: VISITA Á PRAIA DO SARRIDO

Nos días 20 e 21 de abril tiveron lugar as saídas á “Praia do Sarrido”, en Cambados, guiados pola asociación Guimatur dos catro cursos de 4º da ESO do IES Francisco Asorey, un total de preto de 80 alumnos que, si ben manteñen nalgúns casos intensos vencellos co mar, noutros comeza a observarse que, pese á proximidade do medio, existe un certo descoñecemento do mundo do mar, o que podemos considerar coma o inicio dunha auténtica “fenda” sociolóxica polo descoñecemento por parte das xeracións máis xoves sobre este sector historicamente tan ligado ca sociedade do pobo.


Neste contexto, a asociación Guimatur desenvolve a súa labor dando a coñecer a cultura tradicional e artesanal mariñeira, promovendo as actividades vencelladas ó mar e promocionando os produtos marisqueiros nun entorno que comprende o complexo intermareal Umia-O Grove.

Así pois, a actividade en si consistiu en coñecer os métodos de extracción de moluscos (ameixa, berberecho) e poliquetos, os utensilios utilizados e as principais especies explotadas e, xa no eido do propio sistema de extracción,  da necesidade de respectar as tallas mínimas legais para a preservación dos recursos.


Ó mesmo tempo, o alumnado aprendeu a importancia do traballo colectivo das mulleres e homes do marisqueo a pé e que están representadas polas labores de resembrado de cría de ameixa, os traballos de limpeza e de vixilancia das explotacións. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario