martes, 24 de maio de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: LINGUA E PAISAXE


Dende os contidos e currículo da materia de Lingua Galega e Literatura non resultaba complexo achegármonos ás propostas do “Proxecto Naturézate”; podiamos traballar co alumnado de diferentes maneiras, dende a lingua e dende a literatura. E finalmente, esta última foi a vía que a profesora dos cursos implicados decidiu desenvolver: crear textos literarios que  nos levaran tamén á paisaxe do río e da ría.

O nivel co que se traballou foi 4º da ESO. No currículo do 2º trimestre analízase a poesía e os autores chamados “de preguerra”, que seguen tendencias como o vangardismo, o paisaxismo ou o neotrobadorismo. E vimos que estes temas e visións artísticas permitían recrear perfectamente tamén a paisaxe, fauna, clima, flora, ou toponimia, que rodea a estas alumnas e alumnos e que os vincula día a día coa ría e co mar que forma parte do noso Espazo Natural.


Comezamos por analizar o tema literario e artístico, pero fomos vendo imaxes e incorporando tamén a revisión de léxico, vocabulario relacionado coa paisaxe, que lle ía dando nome máis técnico ó que vemos cada día. Neste apartado espertou o interese de alumnado e profesora un volume de edición local no que se recollían os nomes de todos os axentes  físicos que forman e funcionan na desembocadura do río Umia. Vimos como cada areal, con, parte do mar, rochedo (O Xibeiro, A Xironsa, Lombo Branco, Bico da Ran, O Beiró, As Londreiras, Porto do Sol, O Varal…) tiña o seu vello nome, síntoma da importancia que cada unha desas partes ten na vida das mulleres e homes de Cambados.

Os poemas que nos ían servir de axuda aparecen nos poemarios Nao senlleira de Fermín Bouza Brey,  Proel de Amado Carballo, Dona do corpo delgado, Mar ao norde e Cantiga nova que se chama riveira de Álvaro Cunqueiro.


Os grupos de traballo tiñan xa as bases literarias, léxicas e a visión da ecoloxía que pretendiamos amosar, agora dende a poesía. Daquela chegou o momento de crear poesía inspirada nos poemas estudados, con formas chamativas e diferentes, e co pretexto da paisaxe que rodea boa parte de Cambados: do mar e do río.

E así, presentando versos propios, cunha imaxe diferente, con palabras e temas da comunidade, pechabamos o noso ciclo, o ciclo dos ríos en Cambados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario