mércores, 19 de xuño de 2024

PROXECTO NATURÉZATE 2023/24 (LINGUA GALEGA): O LÉXICO DA PAISAXE

 



Dende os contidos e currículo da materia de Lingua Galega e Literatura en 2ºESO achegámonos ás propostas do Plan Proxecta con “Naturézate” a través do léxico. Un dos obxectivos buscados dende o proxecto do noso centro era espertar o interese polo medio que rodea o noso día a día no alumnado. E sorprendémonos (profesora e alumnado) descubrindo  cousas que xa sabiamos e outras que non coñeciamos, pero queriamos aprender.

O nivel co que se traballou foi 2º da ESO. No currículo de todo o curso está prevista a análise e ampliación de léxico de diferente tipo, polo que a revisión da nosa contorna encaixaba á perfección. O meu obxectivo era que exemplificaran o vocabulario relacionado coa paisaxe, coa ría e ríos, co mar, coa costa, co val e montes,… co seu arredor, co seu día a día e que logo lles preguntaran ese novo léxico a outros compañeiros e compañeiras.  Moitas palabriñas eran sabidas por todas e todos (río, beira, marea, camiño, seca…) e outras moitas (cuestión que demostra unha vez máis a perda de mocidade galego-falante) estudáronas véndoas cos seus propios ollos (con, outeiro, carreiro, punta, laxe…).


Comezamos por analizar algún vocabulario e amplialo a través de materiais dados ou vistos na clase, e tamén fomos vendo imaxes de exemplos próximos (Cambados, Ribadumia), incorporando vocabulario relacionado coa paisaxe, que lle ía dando nome máis técnico ó que vemos cada día. Logo fomos visitar algún lugar importante da paisaxe de Cambados e que tamén está preto do centro. Foi así como exemplificamos moitas das palabras que recolleramos nos glosarios e que case cada día viamos (viveiros, laxe, areal, ribeira…).

Tendo xa seleccionado e visto o vocabulario, rematamos o proxecto preparando xogos e pasatempos cos que recordar e autoavaliar o aprendido. En grupos de 3 ou 4 mozas e mozos deseñaron e realizaron á man enredos que despois fomos distribuíndo e adiviñando co xogo.

E foi desta maneira como revisamos e ampliamos os nomes das cousas máis próximas, que nos rodean e nos dan vida.



Ningún comentario:

Publicar un comentario