venres, 26 de abril de 2024

PROXECTO NATURÉZATE 2023/24: ITINERARIO XEOLÓXICO MONTALBO - A LANZADA

 


A comarca do Salnés, entre as bocas das rías de Pontevedra e Arousa, presenta unha gran diversidade paisaxística dentro dun área xeográfica relativamente pequena, na que se alternan no seu litoral praias e rochedos, incluso cantís; costas expostas ao golpes do mar e outras abrigadas e con augas remansadas, vales e montañas (que chegan a superar os 600 metros de altura). Esta variabilidade está en parte propiciada pola configuración xeolóxica das Rias Baixas e do Salnés en particular.

Con unha litoloxía que contén rochas magmáticas, sedimentarias e metamórficas, unha xeomorfoloxía na que se suceden extensas praias con importantes sistemas dunares, saíntes rochosos, cantís, pregamentos, fallas, furnas, pilancóns...

Con todas estas posibilidades tan próximas ao noso centro, o 25 de abril tivemos a oportunidade de visualizar directamente todos estes elementos da paisaxe acompañados de alumnado da ESO, e non limitarnos a unha descrición teórica ou a unha visualización  dos mesmos a través de esquemas ou fotografías, que non sempre van acompañadas dunha localización xeográfica ou que se corresponden con lugares remotos. Deste xeito resulta moito máis fácil e atractiva o comprensión dos procesos que deron lugar a esta paisaxe.

Comezamos pola praia de Montalbo, no concello de Sanxenxo, un amplo areal acompañado dun complexo sistema dunar, en parte conservado no seu estado natural, pero tamén ocupado por un piñeiral de repoboación  e algunhas construcións dedicadas a negocios de hostelería. Aquí tamén podemos observa a presenza de areas negras con propiedades magnéticas, nunha concentración que non se da en ningunha outra praia de Galicia e moi poucas no mundo, agás en praias de areas volcánicas, e un magnífico exemplo de pregamento anticlinal no que a erosión deixou ao descuberto os seus estratos dobrados. Continuamos dende aquí ata Punta Montalbo seguindo a liña de costa e pasando por varias furnas, formadas a partir da acción erosiva do mar sobre liñas de fractura nas rochas, unha piscina natural e outras formas erosivas como os pilancóns, ocos de contorno arredondado e superficie pulida pola continua frición con pequenos cantos mobilizados polas ondas. 

En Punta Montalbo podemos observar un pregamento imclinado nunha parede que se eleva ata uns 10 metros de altura dende unha plataforma surcada por multitude de fracturas, moitas delas recheadas por diques de cuarzo.

Proseguimos cara o norte en dirección a Punta Faxilda por un sendeiro que nos ofrece un inmellorable mirador dende o que podemos ver as illas que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, dende Sálvora no extremo norte ata as illas Cíes no sur e non punto de máxima proximidade entre o continente e a illa de Ons.

Retomamos o noso itinerario na ermida da Nosa Señora da Lanzada, entre a praia do mesmo nome e a de Foxos, punto de contacto entre rochas metamórficas de tonalidades escuras e os claros granitos que forman parte da formación coñecida como batolito de Caldas que se estende entre ambas beiras da Ría de Arousa e que se prolonga cara o interior debuxando unha elipse ata máis alá da localidade de Caldas de Reis, que lle da nome. Dende o promontorio ocupado pola propia ermida podemos ver cara o sur unha zona chaira que chega ata o mar rematando abruptamente nun cantil vertical de varias decenas de metros de altura, o que define clramente unha formación xeolóxica denominada rasa, en realidade un antigo fondo mariño que o devir do tempo elevou por riba da súa superficie. Cara o norte, alongándose por máis de tres quilómetros a imponente praia da Lanzada definindo a beira occidental da istmo que une á península do Grove ao continente.separando o bravo océano Atlántico das augas tranquilas da enseada do Bao.

Ao pe da ermida tamén puidemos observar a alteración dos granitos e a formación destas rochas a modo de grandes bolos que recordan a forma de enormes ovos. Acaso de dinosauros???




xoves, 18 de abril de 2024

PROXECTO RÍOS 2023/24: CONTROL DE PRIMAVERA NO RÍO PEQUENO



O pasado 17 de abril de 2014 volvemos os departamentos didácticos de Bioloxía e Xeoloxía e Física e Química do IES Francisco Asorey para realizar a segunda saída do control do Río Pequeno (afluente do Río Umia) dentro da programación prevista do Proxecto Ríos co alumnado de 4º ESO.

O profesor de Física e Química guiou ó alumnado no estudio dos diversos parámetros físicos (profundidade, caudal, temperatura, velocidade da corrente...) e químicos (concentración de nitratos, demanda de osíxeno, pH ...), mentres que os de Bioloxía foron os encargados de coordinar a recolección e identificación das especies de macroinvertebrados.

Nesta ocasión a situación é bastante diferente á que analizabamos no outono xa que despois de moitos meses de intensa chuvia evidenciase que o caudal é maior e temos que utilizar as botas de vadeo para realizar a recollida de mostras. Nesta ocasión a avaliación ecolóxica realizada danos un estado excelente da calidade das augas do Río Pequeno que pensamos é debido ao gran caudal durante todo o outono e inverno pasados.




PROXECTO NATURÉZATE 2023/24: CHARLA DIVULGATIVA "A IMPORTANCIA DA CONSERVACIÓN DO HUMIDAIS"


Os humidais son uns dos ecosistemas máis peculiares do noso planeta, acaso polo seu carácter de transición entre medio aéreo, terrestre e acuático, o que lle confire unha gran biodiversidade nun mínimo espazo.

Gran parte do litoral de Cambados e dos concellos limítrofes ou próximos rodean unha destas áreas, o Complexo intermareal do Umia - O Grove, que reúne unha serie de características que o converten nun espazo natural de gran importancia, feito que, desgraciadamente, descoñece gran parte da poboación que reside na súa contorna.

Por iso é importante a contribución de programas como o Proxecto NATÚREZATE na toma de conciencia e a posta en valor destas áreas, xunto con outras que albergan outros ecosistemas fundamentais na conservación da biodiversidade a nivel mundial.

Con este obxectivo, o 17 de abril veu ao noso centro un divulgador e educador ambiental con longa experiencia neste campo, o cambadés Manuel Núñeza a través dunha charla a alumado da ESO, na que, alén dos humidais, incidiu na importancia da conservación da biodiversidade incluso dende un punto de vista egoísta da humanidade, xa que está é a que nos proporciona alimento, cura de enfermidades o nos proporciona unhas condicións de habitabilidade para a nosa especie. Deste xeito describiu a lexislación a diferentes niveis (local, autonómico, estatal e internacional) que rexen sobre estas áreas protexidas, con especial énfase nos humidais.





mércores, 10 de abril de 2024

PROXECTO RÍOS 2023/24 (XEOGRAFÍA E HISTORIA): OS RÍOS NOS OBXECTIVOS DO DESENVOLVEMENTO SUSTENTABLE

 

Na materia de Xeografía e Historia, o alumnado de 1º da ESO achegouse ao estudo da hidrosfera e dos ríos a través dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS).

Despois de coñecer a definición e características, o alumnado dedicouse a asociar a influencia dos ríos no medio e nos poboamentos humanos a partir dos ODS. Para isto, foron analizando as distintas características e ligándoas aos distintos obxectivos: fin da pobreza, enerxías renovables, auga potable, vida submariña, etc.

Feito este traballo, o resultado foi a elaboración de xogos de mesa sobre os ODS e os ríos. Estes realizáronse de xeito grupal e foron intercambiados entre o alumnado para afondar e consolidar os contidos.

A continuación podemos ver fotografías cos resultados dos proxectos feitos polos alumnos: