A comarca do Salnés, entre as bocas das rías de Pontevedra e Arousa, presenta unha gran diversidade paisaxística dentro dun área xeográfica relativamente pequena, na que se alternan no seu litoral praias e rochedos, incluso cantís; costas expostas ao golpes do mar e outras abrigadas e con augas remansadas, vales e montañas (que chegan a superar os 600 metros de altura). Esta variabilidade está en parte propiciada pola configuración xeolóxica das Rias Baixas e do Salnés en particular.
Con unha litoloxía que contén rochas magmáticas, sedimentarias e metamórficas, unha xeomorfoloxía na que se suceden extensas praias con importantes sistemas dunares, saíntes rochosos, cantís, pregamentos, fallas, furnas, pilancóns...
Comezamos pola praia de Montalbo, no concello de Sanxenxo, un amplo areal acompañado dun complexo sistema dunar, en parte conservado no seu estado natural, pero tamén ocupado por un piñeiral de repoboación e algunhas construcións dedicadas a negocios de hostelería. Aquí tamén podemos observa a presenza de areas negras con propiedades magnéticas, nunha concentración que non se da en ningunha outra praia de Galicia e moi poucas no mundo, agás en praias de areas volcánicas, e un magnífico exemplo de pregamento anticlinal no que a erosión deixou ao descuberto os seus estratos dobrados. Continuamos dende aquí ata Punta Montalbo seguindo a liña de costa e pasando por varias furnas, formadas a partir da acción erosiva do mar sobre liñas de fractura nas rochas, unha piscina natural e outras formas erosivas como os pilancóns, ocos de contorno arredondado e superficie pulida pola continua frición con pequenos cantos mobilizados polas ondas.
En Punta Montalbo podemos observar un pregamento imclinado nunha parede que se eleva ata uns 10 metros de altura dende unha plataforma surcada por multitude de fracturas, moitas delas recheadas por diques de cuarzo.Proseguimos cara o norte en dirección a Punta Faxilda por un sendeiro que nos ofrece un inmellorable mirador dende o que podemos ver as illas que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, dende Sálvora no extremo norte ata as illas Cíes no sur e non punto de máxima proximidade entre o continente e a illa de Ons.
Retomamos o noso itinerario na ermida da Nosa Señora da Lanzada, entre a praia do mesmo nome e a de Foxos, punto de contacto entre rochas metamórficas de tonalidades escuras e os claros granitos que forman parte da formación coñecida como batolito de Caldas que se estende entre ambas beiras da Ría de Arousa e que se prolonga cara o interior debuxando unha elipse ata máis alá da localidade de Caldas de Reis, que lle da nome. Dende o promontorio ocupado pola propia ermida podemos ver cara o sur unha zona chaira que chega ata o mar rematando abruptamente nun cantil vertical de varias decenas de metros de altura, o que define clramente unha formación xeolóxica denominada rasa, en realidade un antigo fondo mariño que o devir do tempo elevou por riba da súa superficie. Cara o norte, alongándose por máis de tres quilómetros a imponente praia da Lanzada definindo a beira occidental da istmo que une á península do Grove ao continente.separando o bravo océano Atlántico das augas tranquilas da enseada do Bao.
Ao pe da ermida tamén puidemos observar a alteración dos granitos e a formación destas rochas a modo de grandes bolos que recordan a forma de enormes ovos. Acaso de dinosauros???
Ningún comentario:
Publicar un comentario