venres, 12 de maio de 2023

PLAN REVITALIZA: CHARLA - COLOQUIO "A VOLTAS COA COMPOSTAXE"


O Plan Revitaliza, promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra e como complemento a posta en marcha nos concellos de plans de tratamento biolóxicos de resíduos urbáns, particularmente a compostaxe, oferta aos centros educativos unha serie de actividades, como cursos de formación para o profesorado, charlas, obradoiros e exposicións. 

O noso centro optou por realizar unha charla coloquio, que baixo o epígrafe "A voltas coa compostaxe", que consiste nun achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións), a súa xestión e tratamento, e o proceso de compostaxe da fracción orgánica. Tendo en conta que o Concello de Cambados e o IES Asorey, de xeito máis modesto, participan neste plan de compostaxe, para o cal  existen varios composteiros comunitarios espallados por diferentes parroquias e barrios do territorio municipal, consideramos moi acaído informar ao alumnado desta práctica moi favorecedora da sostibilidade a nivel local, que implica un importante grao de implicación e concienciación da poboación na problemática ambiental, favorecendo unha incorporación dos fogares a este tipo de prácticas desde as xeracións máis novas.

Como relator contamos novamente con Manuel Domínguez, biólogo e educador ambiental con ampla experiencia en programas de concienciación ambiental colaborando con diferentes administracións.




luns, 13 de marzo de 2023

PROGRAMA NATURÉZATE 22--23: ITINERARIO XEOLÓXICO MONTALBO - A LANZADA - SIRADELLA

Dentro do programa NATURÉZATE pretendemos poñer en valor os valores naturais da nosa contorna, tanto na súa dimensión biolóxica, xeolóxica e paisaxística. Con esa máxima todos os anos procuramos realizar un itinerario xeolóxico dentro do noso ámbito xeográfico máis próximo, que ademais do obxectivo antes mencionado, procúrase ilustrar de forma directa sobre o terreo moitos dos contidos tratados dun xeito máis teórico nas aulas ao longo das distintas etapas educativas da ESO e o Bacharelato. Este curso, despois de varios aprazamentos, puidemos realizala o 10 de marzo.

Neste sentido, podemos sentirmos afortunados por poder observar ao longo da liña de costa entre a Praia de Montalvo, e a Península do Grove, desde un extenso espazo dunar ben conservado nas praias de Montalvo, Maxor, A Lanzada, e A Mexilloeira, na que se atopa a lagoa Bodeira, única lagoa litoral continental da provincia de Pontevedra; zonas de costa rochosa en Punta Montalvo, Punta Corbelo e A Fontenla, nas que podemos observar diferentes deformacións tectónicas como pregamentos e fallas, nons que incluso podemos camiñar sobre elas, afloramentos de conglomerados ferrosos, o efecto da acción erosiva do mar no modelado das rochas e na formación de furnas ou contactos entre formacións de rochas plutónicas e metamórficas, que nos permiten reconstruír o pasado xeolóxico do noso territorio dende centos de millóns de anos atrás.

Ademais, no alto do monte de A Siradella proporciónanos un inmellorable mirador desde onde podemos observar o istmo de A Lanzada e intuír como se produciu a súa formación, e as consecuencias que tivo este feito na configuración da enseada de O Bao, que chega ata Cambados coa extensa chaira intermareal do Sarrido, que chegamos a avistar dende este promontorio.


Nesta ocasión fixemos a visita co alumnado de 4º ESO, que comezaron a súa visita no monte Siradella, continuaron na praia Mexilloeira e a Lagoa Bodeira e remataron na praia de A Fontenla. Por outra banda o grupo de Bacharelato comezaron na praia de Montalbo, desde onde seguiron ata a Punta Montalbo, rematando no entorno da ermida de A Lanzada nas praias de Foxos e Area Gorda.

A meteoroloxía permaneceu en todo momento ameazando chuvia, pero finalmente respetou o desenvolvemento da actividade ao longo de toda a mañán, permitíndonos regresar ao centro secos ao final da xornada.



luns, 30 de xaneiro de 2023

VISITA AOS MUSEOS CIENTÍFICOS CORUÑESES


Cumprindo coa nosa antiga tradición, o pasado 25 de xaneiro visitamos os Museos Científicos Coruñeses (Domus, Aquarium Finisterrae e Casa das Ciencias) co alumnado de 3º ESO. En cada un deles visitamos as súas salas de exposicións permanentes e, no caso da Casa das Ciencias, asistimos a unha sesión do planetario, na que se proxectou un documental sobre a historia da astronomía, desde as súas orixes ata a época actual, na que o ser humano pretende visitar novamente á Lúa en expedicións tripuladas e, no medio prazo poñer o pé no planeta Marte.




Como sempre, foi unha visita moi interesante, ilustrativa e, sobre todo, moi divertida, xa que estes museos permiten un achegamento moi directo ao coñecemento científico a través da autoexperimentación empregando os cinco sentidos.



xoves, 22 de decembro de 2022

PROGRAMA NATURÉZATE 22/23: CHARLA SOBRE A IMPORTANCIA ECOLÓXICA DOS HUMIDAIS


O pasado 21 de decembro e dentro do Programa Naturézate do Plan Proxecta celebráronse no salón de actos do IES Francisco Asorey tres charlas arredor da importancia dos humidais como uns ecosistemas que proporcionan un medio idóneo para o establecemento de múltiples especies, tanto de vertebrados como de invertebrados, pero especialmente importantes para a cría de aves acuaticas. Realizáronse un total de tres conferencias dirixidas a senllos grupos de 1º ESO impartidas polo biólogo e educador ambiental Manuel Domínguez. 

O relator comezou a súa disertación describindo os distintos continentes nos que se reparte a hidrosfera no noso planeta, resaltando que case o 97% da mesma atópase en mares e océanos, polo que só o 3% restante é a reserva de auga doce do planeta, pero non toda esta cantidade é facilmente accesible, xa que máis de dúas terceiras partes están conxeladas formando glaciares, sendo o maior o da Antártida; outra porción moi significativa está en forma de augas subterráneas, as veces dificilmente accesible ou non localizada, resultando unha exigua proporción restante de augas superficiais (ríos e lagos) das que se serven o conxunto de seres vivos da biosfera e, en particular, o ser humano para levar a cabo todas as súas actividades. A todo isto hai que engadir que estas augas superficiais están moi irregularmente distribuídas polo planeta, polo que a súa dispoñibilidade varía enormemente dun territorio a outro. 

Estes feitos axudan a entender a importancia dos humidais e a necesidade da súa conservación, regulada por tratados internacionais, entre os que destaca o Convenio Ramsar, firmado o 2 de febreiro de 1971 na cidade iraniana do mesmo nome baixo o patrocinio da UNESCO. España adheríuse a este convenio no ano 1982, designando unha serie de espazos protexido ao abeiro do mesmo, que contan na actualidade con 5 espazos en Galicia, No territorio galego están recoñecidas un total de cinco zonas: Complexo intermareal Umia - O GroveA Lanzadapunta Carreirón e lagoa BodeiraRías de Ortigueira e LadridoComplexo das praias, lagoa e duna de CorrubedoLagoa e areal de Valdoviño; e a Ría do Eo.

Ao final de cada unha das charlas realizouse un obradoiro sobre depuración de augas empregrando un modelo de elaboración caseira no que se reproducían as distintas fases que se producen nunha EDAR (estación depuradora de augas residuais) nas que o alumnado puido comprobar directamente a complexidade deste proceso e da súa complexidade a escala real, de aí a importancia de racionalizar o consumo deste ben tan imprescindible.



venres, 25 de novembro de 2022

Semana da Ciencia no IES Asorey

 

A UNESCO declarou o 2022 como Ano Internacional das Ciencias Básicas para o Desenvolvemento Sostible, polo que os departamentos de Ciencias do IES Francisco Asorey centraron tomaron este motivo como eixo artellador da Semana da Ciencia que se celebrou entre os días 14 e 18 de novembro. Por outra banda, estas datas coinciden co 20 aniversario do naufraxio e a conseguinte marea negra que afectou, en diferente medida, a gran parte da costa galega e que se estendeu desde o norte de Portugal por todo o Cantábrico ata Francia.

O programa deste evento incluíu varias actividades dirixidas a todos os curso de ESO e Bacharelato que se enumeran e describen a continuación.

  • Planetario Astronómico. Dirixido ao alumnado de 1º ESO, que en tres sesións sucesivas asistiron a unha proxección e descrición do universo desde o Sistema Solar ata as galaxias máis afastadas no interior dun planetario portátil instalado no ximnasio. A actividade correu a cargo de Íñigo de la Cuadra Salcedo, responsable tanto da instalación do planetario como da disertación explicativa da proxección.
  • Obradoiro de Ciencias. Todo o alumnado da ESO e da modalidade científico-tecnolóxica de Bacharelato participou nunha serie de experiencias relacionadas coa Bioloxía, Física e Química ao longo de toda a semana.
  • Conferencia "20 anos do desastre do Prestige", por Xoaquín Rodríguez Pomares, expresidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés.
  • Exposición "Memoria negra do Prestige"

mércores, 22 de xuño de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: VISITA Á ILLA DE ONS


O pasado día 13 de xuño de 2022 realizamos unha visita con alumnado de 2º e 3º de ESO a illa de Ons, dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, único espazo natural de Galicia pertencente a rede de Parques Nacionais de España. Comezamos a viaxe no porto de Tragove, e despois dunha travesía de unha hora e 20 minutos atracabamos no peirao de Ons. Desde este punto dividímonos en dous grupos para facer sendas rutas dentro do territorio insular, por unha banda o alumnado de 3º de ESO transitaron pola ruta do sur da illa, que conduce ata o mirador de Punta Fedorentos e ao Burato do Inferno, e pola outra o alumnado de 2º de ESO fixeron a ruta norte, que conduce ata a praia de Melide, regresando polo Faro que coroa esta illa. En conxunto, case 150 alumnos e alumnas acompañados de 8 profesores.


Hai máis de 10.000 anos, durante a última glaciación, o arquipélago de Ons, xunto co de Cíes, formaba parte dunha cadea montañosa que daquela formaba parte do continente, xa que o nivel do mar estaba daquela máis de 100 metros por debaixo do actual. O quecemento que seguiu á finalización deste período glaciar, que abarcou máis de 100.000 anos, trouxo consigo un progresivo e inexorable desxeo que foi provocando a invasión dos continentes por parte das augas oceánicas, anegándose deste xeito os vales costeiros e conformando a actual liña de costa, na que se alternan as rías con elevacións montañosas que definen o noso litoral.

Dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, a illa de Ons foi a que chegou a concentrar un maior tamaño de poboación humana, e a que o mantivo durante máis tempo. Na actualidade son moitas as familias que seguen a manter o vencello coa illa, mantendo as súas vivendas habitables, se ben son poucos os que permanecen durante todo o ano.

As Illas Atlánticas proporcionan un inmellorable hábitat para aves acuáticas, representando unha das maiores concentracións de especies como gaivota ou corvo mariño de toda Europa. Nelas podemos admirar ecosistemas costeiros tanto rochosos como dunares nun estado de conservación excepcional, sen ben son moi fráxiles, polo que precisan dun elevado nivel de protección, que non resulta incompatible con actividades pesqueiras sostibles no seu entorno, xa que os maiores valores deste espazo natural atópanse baixo as augas que circundan estas illas.



martes, 14 de xuño de 2022

PROXECTO NATURÉZATE: ITINERARIO XEOLÓXICO MONTALBO - A LANZADA


Como inicio ao proxecto NATURÉZATE durante o presente curso, no mes de novembro realizouse un itinerario con alumnado de ESO entre a praia de Montalbo e a praia de A Lanzada, que transcorría en gran parte dentro do LIC Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, Lagoa Bodeira e Punta Carreirón, que forma parte dos espazos naturais galegos da Rede Natura 2000.


Comezabamos a visita no extremo norte da praia de Montalbo, a vista do seu complexo sistema dunar que se adentra varios centros de metros da liña de preamar, interrompido polo trazado da estrada PO-308. Neste punto podemos estudar, incluso camiñar, sobre un pregamento anticlinal de inmersión no que podemos identificar os seus elementos, previamente tratados en aula, como a charneira, flancos, plano axial ou eixo. A litoloxía desta área e de tipo metamórfico con abundancia de minerais de tonalidades escuras ricos en ferro que, sometidos aos axentes xeolóxicos externos, orixinan areas negras que se depositan na propia praia sendo especialmente visibles no seu extremo superior, máis achegado a terra. Parte destas areas negras conteñen magnetita, que poden ser separadas facilmente con un imán.


Seguindo un sendeiro costeiro chegamos ata a Punta Montalbo, en contraste coa anterior, unha zona de costa rochosa con cantís de decenas de metros. A baixamar fixo accesible achegarnos ata o pé deste cantil, o que nos permitiu observar as furnas escavadas pola acción das ondas en favor das numerosas fracturas que atravesan as rochas desta zona. Ademais, este punto ofrécenos unha visión excepcional dun dos mellores exemplos de sucesión de pregamentos que se poden ver na costa galega.



A seguinte parada levounos á praia da Fontenla, na que atopámonos con unhas formacións sedimentarias de tipo aluvial, entre as que destacan uns conglomerados cementados por unha matriz areosa e óxidos de ferro. Neste punto tamén podemos observar a base socavada dun antigo cantil, que actualmente está significativamente por riba do nivel do mar, o que pon de manifesto as súas variacións ao longo da historia xeolóxica da zona.


Rematamos na punta da Lanzada, ao abrigo da ermida e baixamos ás praias que a flanquean, Foxos polo sur e Area Gorda polo norte. Este punto coincide coa zona de contacto entre as rochas metamórficas e os granitoides do Batolito de Caldas, de formación máis recente (arredor de 185 millóns de anos) a partir dun  magma, que procedente de zonas profundas da codia, asentouse desprazando as rochas que ocupaban esta zona daquela. A erosión posterior durante millóns de anos deixou todo esta formación ao descuberto en superficie. A Punta da Lanzada ofrécenos un bo punto de observación da Punta da Lapa, un perfecto exemplo do modelado granítico tan propio da nosa zona, caracterizado pola superposición de fracturas máis ou menos perpendiculares, en favor das cales a meteorización e erosión dos granitos deu lugar á formación de grandes bolos graníticos en varios niveis.