domingo, 22 de xuño de 2025

PROXECTO NATURÉZATE 2024/25 (DEPARTAMENTO DE XEOGRAFÍA E HISTORIA): IMPACTOS AMBIENTAIS DAS ACTIVIDADES ECONÓMICAS EN GALICIA



Durante o primeiro trimestre do curso 2024/2025 na materia de Xeografía e Historia, desenvolveuse unha actividade de investigación en pequenos grupos co alumnado de 3º da ESO do IES Francisco Asorey, enmarcada nas unidades didácticas sobre os sectores económicos (UD 1, 2, 3, 4) e na UD 8 relacionada cos recursos naturais e os impactos medioambientais, cun enfoque transversal centrado na análise crítica do impacto medioambiental de distintas actividades produtivas en Galicia.

A actividade, deseñada segundo os principios do Plan Proxecta “Naturézate” na súa modalidade Bioveo, tivo como finalidade fomentar a educación ambiental a través da observación, análise e reflexión sobre casos reais de afectación ao medio natural derivados de proxectos industriais, mineiros e agrogandeiros. Cada grupo de 3-4 alumnos investigou unha problemática concreta entre as seguintes:

  • Mina de Touro
  • Fábrica de ENCE na ría de Pontevedra.
  • Mina de San Finx.
  • Os parques eólicos e a súa afectación no medio.
  • Contaminación por nitratos das macrogranxas na Baixa Limia.
  • Proxecto da celulosa Altri no río Ulla.






A metodoloxía empregada baseouse na investigación guiada, a elaboración colaborativa dunha presentación dixital e a exposición oral dos resultados, incluíndo unha postura argumentada a favor ou en contra do proxecto estudado. Esta última parte permitiu o desenvolvemento do pensamento crítico e da capacidade argumentativa do alumnado.

Esta actividade contribúe directamente aos obxectivos do Plan Proxecta Bioveo, ao promover a análise do impacto humano no medio e á concienciación sobre a importancia da conservación dos recursos naturais de Galicia. Así mesmo, fomentou o compromiso activo do alumnado coa sustentabilidade e impulsou a adquisición de competencias clave como a competencia en conciencia e expresións culturais, a competencia social e cívica, e a competencia en aprender a aprender.

En resumo, esta proposta didáctica encaixa plenamente cos fins do Plan Proxecta “Naturézate”, fomentando a reflexión crítica sobre o territorio, a biodiversidade e os conflitos derivados do uso dos recursos naturais, contribuíndo á formación dunha cidadanía ambientalmente consciente e responsable.


Ningún comentario:

Publicar un comentario