venres, 27 de outubro de 2023

PROXECTO RÍOS 2023/24: OUTONO NO RÍO PEQUENO


O pasado 25 de outubro de 2023, os departamentos didácticos de Bioloxía e Física e Química do IES Francisco Asorey realizaron a primeira saída de control do Río Pequeno (afluente do Río Umia) dentro da programación prevista do Proxecto Ríos. O Río Pequeno percorre a Parroquia cambadesa de Oubiña percorrendo múltiples terras de “albariño”.

Nesta ocasión foi alumnado de 4º ESO o encargado de realizar o control bioquímico e biolóxico do estado do río para determinar a súa saúde ecolóxica.

O profesor de Física e Química guiou ó alumnado no estudio dos diversos parámetros físicos (profundidade, caudal, velocidade da corrente...) e químicos (concentración de nitratos, demanda de osíxeno, pH ...).

O profesorado de Bioloxía foi o encargado de coordinar a recolección e identificación das especies de macroinvertebrados que definiron finalmente que nesta estación anual o estado de saúde do Río Pequeno é ecoloxicamente bo.




luns, 9 de outubro de 2023

PROXECTO NATURÉZATE 2023/24: NATURÉZATE ASOREY PARTICIPA NA LIMPEZA SIMULTÁNEA DE PRAIAS

 


A asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) acaba de organizar a XII edición da Limpeza Simultánea de Praias para os días 6 e 7 de outubro. O venres 6 de outubro, o profesorado do IES Francisco Asorey participante no proxecto Naturézate para este curso escolar 2023-24, xunto co alumnado do centro propúxose participar nesta nova edición do citado evento por varias razóns. A primeira é porque eliximos a praia de San Tomé en Cambados como lugar de participación e que forma parte do Espazo Natural Ons- O Grove que é o noso centro de actuación. Pero ademais semellábanos de gran interese que o alumnado comprendese en primeira persoa a problemática dos residuos presentes nas praias galegas. Que comprobara a orixe humana deste problema; de como os pequenos plásticos e cabichas de tabaco son realmente unha problemática de importancia e vinculada coa inconsciencia cidadá. Así mesmo a nosa participación tentou resaltar e concienciar como a implicación do voluntariado resulta imprescindible para loitar contra esta problemática e outras problemáticas ecolóxicas.

Esta participación serviunos a todos e todas para aprender e comprobar de primeira man a importancia da nosa implicación para eliminar ou minimizar este tipo de problemáticas.