martes, 21 de novembro de 2023

PROXECTO NATURÉZATE (FÍSICA E QUÍMICA): A COR VERDE DOS VEXETAIS

 



Durante a celebración da Semana da Ciencia 23-24, no pasado mes de novembro, o departamento de física e Química, participante no Proxecta “Naturézate” realizou unha serie de actividades sobre diferentes técnicas de separación e identificación dos principais pigmentos fotosintéticos como elementos imprescindibles nos grupos de vexetais e de algas que forman os produtores dos diferentes ecosistemas e, polo tanto, son os elementos imprescindibles para garantir a biodiversidade nos espazos naturais.

Para a identificación e obtención das diferentes moléculas de pigmento, o alumnado de secundaria participante realizou unha serie de actividades prácticas sobre a solubilidade das clorofilas e xantofilas, utilizando diferentes exemplares vexetais habituais no Espazo Natural Umia-O Grove, ós que se mesturou con carbonato cálcico, ácido cítrico, etanol e gasolina coa finalidade de conseguir a súa separación.





luns, 20 de novembro de 2023

PROXECTO NATURÉZATE 2023/24 (BIOLOXÍA E XEOLOXÍA): OS CINCO REINOS A TRAVÉS DO MICROSCOPIO


Durante a celebración da Semana da Ciencia 2023 entre os días 13 e 17 de novembro, que ao igual que no curso pasado estivo dedicado a importancia da ciencia básica no desenvolvemento sostible, dende o departamento de Bioloxía e Xeoloxía quixemos facer unha proposta de achegamento á biodiversidade con un punto de vista inhabitual cando se aborda este tema, o microscopio. 

Deste xeito elaboramos unha serie de preparacións microscópicas con mostras de organismos procedentes de cada un dos cinco reinos acompañados de esquemas descritivos coas características de cada un destes grupos e da relación existente entre eles a través do proceso evolutivo.

Así, o alumnado da ESO puido visualizar mostras de bacterias lácticas obtidas a partir dun iogur, protozoos e algas microscópicas, micelios de mofos procedentes de froita e pan en descomposición, esporas de fentos, epiderme de follas e algún pequeno insecto, como unha mínima representación da inmensurable biodiversidade do noso planeta.